Galixfera.com o portal galego de información e servicios

Esclavismo

Etiquetado en : Política
Publicado: 13-08-2013
|

Nos últimos días Christine Lagarde, lideresa do FMI, e Olli Rehn, comisario da UE, despacharonse cunhas declaracións nas que piden unha baixada de salarios do 10% en España, baixo o peregrino argumento (non hai un so estudo científico que os respalde) de que produciría a reactivación económica e reduciría o paro.

Sen entrar no efecto que tería sobre un mercado interior absolutamente esnaquizado pola sistemática perda de poder adquisitivo e no claro risco de acabar provocando a laceira da poboación española ou a fame (ésta podería combatirse asando altos funcionarios do FMI e a UE en espetos, como los cruzados hacían con los sarracenos, así que no es preocupante), unha primeira cuestión plantexaseme: se as medidas impostas até o de agora baixo a coacción de tan excelsos esbirros do capital non teñen servido para atalla-la chamada crise, por que ía servir esta? Non nos engañemos, ningunha das medidas propostas polos xestores do capitalismo van dirixidas a mellora-las condicións de vida da poboación. A súa única finalidade é garantir o mantemento dos privilexios de propiedade da minoría hexemónica.

A reducción dunhas xa paupérrimas rendas do traballo en España levaría aos traballadores españois a traballar polo mínimo (como sucede xa en moitos casos) volvendo a unha situación de explotación laboral absoluta cercana á escravitude, na que os traballadores recibirían o imprescindible para a súa mera supervivencia (os nosos veciños portugueses destinan xa o 84% da súa renda a alimentación e bebida). Voltamos ás relacións laborais do século XIX, aboadas polas “reformas” emprendidas polo goberno cleptocrático do Partido Popular, que non so fan desaparecer os máis elementais dereitos laborais e sociais (baixo o mantra extendido polos medios de comunicación de que os traballadores son vagos, improductivos, aproveitados, etc.) senon que teñen garantido unha sistemática suba do custo da vida e a perda de poder adquisitivo.

Esta situación, que obxectivamente debería producir un esturido social ou un proceso revolucionario como é debido, vese contida por dous factores: a fetichización do trabajo -pasou dun mal inevitable a ser un ben escaso-; e os mitos e terrores das capas medias.

Respecto á elevación do traballo á condición de fetiche non cabe dúbida algunha; o desenvolvimento dos medios produtivos non foi acompañado dunha verdadeira transformación nas relacións de produción, de xeito que baixo o esquema dominante precisase menos man de obra, o que leva a unha escaseza de postos de traballo retribuidos. A devandita situación obxectiva aderezase cun clima social imposto polos medios de comunicación no que quen ten traballo (ainda que sexa con xornadas de 12 horas e por 500 euros) é afortunado. Queixarse do trabajo en réxime de explotación laboral absoluta é pouco menos que sacrilexio e incluso laiarse do cada vez máis frecuente “traballo pero non me pagan” é pecado, porque “afortunado ti, que alo menos traballas.” Desta situación de fetichización proceden fenómenos tan curiosos como a substitución de man de obra asalariada por “voluntarios” que non cobran, etc.

A condición de fetiche do traballo provoca unha situación de angustia do que ten traballo, xa que se lle fai crer que é un privilexiado frente a outros moitos que non o teñen. Iso supón que en lugar de ver aos outros traballadores coma compañeiros veos coma adversarios, e aos parados directamente coma hienas ou sucios hobbits dispostos a arrebatarlle o seu tesouro. A hegemonía introduciu así unha fonda lanza na conciencia de clase, fracturando á clase obreira.

A elo contribúe tamén outro elemento cultural cada vez máis acentuado e difundido: o mito da clase media e, como a súa inevitable consecuencia, o terror ou pánico da capas medias.

A hexemonía insiste ad nauseam en desligar da clase obreira a toda unha serie de profesionais liberais, funcionarios ou membros da aristocracia obreira, que formarían a chamada clase media xunto cos pequenos empresarios ou autopatróns. Estas capas medias da clase traballadora que non deixan de vender a súa forza de traballo (sexa este manual ou intelectual), xunto coa pequena burguesía, non pasan de ser -no mellor dos casos- explotadores-explotados. A hexemonía, mediante a súa sistemática mensaxe de que son unha clase distinta e mediante a reiterada criminalización da clase obreira (términos coma cani ou choni forman parte desa estratexia) introduciu outra cuña máis contra a conciencia de clase. Por unha banda existe unha falla de conciencia de clase mediante a negación da condición de traballador e a asunción de pertencer a unha suposta clase superior (a clase media); por outra, a criminalización e o desprezo cara amplias capas de traballadores que non son “clase media” xera tanto unha reafirmación da propia convicción de ser algo distinto como o terror a verse sumido nesa condición.

Ese último factor (o pánico a deixar de pertencer á “clase media”) xera unha perversa solidariedade coa clase hexemónica e privilexiada, xa que na súa ignorancia inducida estas capas medias cren que o inemigo é ese cani que pode acabar co seu benestar material (relativo, pero benestar, ao fin e ao cabo). Sen embargo, a crúa realidade demostra que é xustamente a hexemonía quen está acabando con ise relativo benestar e que as capas medias, espoleadas polo pánico a deixar de ser “clase media”, están sendo usadas coma estilete para laminar a capacidad de loita dos traballadores.

Nesa estratexia do terror explicanse perfectamente non so as últimas declaracións senon en xeral toda-las apreciacións, propostas, etc. que proveñen dos altavoces do capital. Realmente o que se pretende é continuar extendendo o pánico entre a poboación nunha estratexia deliberada destinada a transformar España, ao igual que outros países do Sur da UE, nun proveedor de man de obra barata e dócil. Pretendese a castración e doma mediante a vella amenaza da fame.

Nesta tesitura a pregunta inevitable é: ¿pode unha “esquerda” oficial afronta-las tarefas do momento? Desafortunadamente, non. Non é unha cuestión de boa vontade ou de boas intencións (o inferno está cheo de boas intencións e o ceo de boas obras), é unha cuestión de cosmovisión. A esquerda oficial e oficialista está empapada (e ás veces empanada) dunha visión socialdemócrata que ven a considera-lo Estado Social e Democrático, tamén chamado Estado do Benestar, non coma unha coxuntura histórica resultado da correlación de forzas na loita de clases nun momento determinado, senón como unha especie de estadio final da evolución política, que unha vez alcanzado é irreversible porque foi sacralizado en determinados textos legais.

Se a nosa esquerda oficial non olvidase a Marx ou polo menos o tivera lido algunha vez, comprendería que os pactos coa hexemonía non son pactos entre cabaleiros e que o chamado pacto social non é máis que unha ritualización vacua que opera como antesala da puñalada.

Se o gran capital permitiu o invento do Estado do Benestar foi como unha manobra táctica para recompor forzas e voltar á carga cunha ideoloxía e unha praxe dirixida a dinamita-los logros da loita obreira mediante a extirpación da conciencia de clase. Pinochet, un demócrata de toda-la vida, tiña a declarada intención de acabar coa clase obreira chilena e transformar aos chilenos en emprendedores. Unha política que compartía tamén Margaret Thatcher, inemiga declarada da clase obreira británica e defensora a ultranza da desindustrialización.

Así as cousas, unha reconstrucción de as fuerzas de esquerda, baseada non en mitos burgueses senón na análise racional e consciente da realidade, na recuperación da conciencia de clase mediante a pedagoxía política, e na vinculación impostergable co programa máximo será a única que permita afronta-la tarefa de combatir un sistema inxusto que pretende reducirnos á servidume.
José Luis Valcarce Rodríguez
José Luis Valcarce Rodríguez
(Pontevedra, 1980) é avogado, especialista en Dereito Tributario. Militante do PSdeG-PSOE desde 1998 e antigo militante de Xuventudes Socialistas de Galicia, desempeñou diversas responsabilidades orgánicas en ambas as organizacións. Actualmente forma parte da corrente Esquerda Socialista, de cuxa coordinadora en Galicia é membro, exercendo como portavoz. Colaborou con diversos medios de comunicación e é membro do staff de literatura de fantasymundo.com.