Galixfera.com o portal galego de información e servicios

Violencia de xénero

Etiquetado en : Política , Feminismo
Publicado: 29-07-2013
|

Resulta moi complicado asumir que unha muller en Democracia poida acadar “un pouco de paz”, logo do veredicto dun xurado popular no que a palabra CULPABLE se converte na confirmación pública do denunciado case dous anos atrás.

A violencia exercida contra as mulleres no noso país, segue a traducirse nun goteo de mortes (28 no que vai de ano), estatísticas sobre denuncias (máis de 800.500 dende o ano 2007) intervencións policiais (máis de 93.500 mulleres con atención policial activa durante o ano 2012), así como no traballo constante das persoas expertas por tipificar as diversas manifestacións de maltrato e acadar a súa inclusión no Código Penal.

No caso Bretón por exemplo, empregouse o termo “violencia marental” para referirse a unha nova expresión de maltrato baseado no asasinato das e dos fillos, e presentouse unha denuncia paralela por presunto maltrato psíquico habitual no ámbito familiar, co que se pretendeu dar conta da evolución do ciclo de violencia sufrido por Ruth Ortíz.

A importancia de noticias coma a deste caso, radica na humanización deses datos estatísticos, poñéndolle cara a unha situación que día a día viven moitas máis mulleres das que denuncian, nunha realidade que segue marcada polo silencio dunha gran parte da cidadanía e das súa propias familias, e que por desgraza, conta cunhas medidas de prevención, intervención e cobertura xurídica, social ou laboral que non sempre se garanten ou resultan efectivas.

Unha situación agravada pola crise, cun mercado laboral feminino en precario que en moitos casos, determina a súa dependencia económica, limita os seus dereitos e convérteas nun “colectivo en risco de exclusión social”, chegando incluso a ter que falar da “feminización da pobreza” en países que por outra banda, temos a consideración de desenvolvidos.

Neste contexto, a educación transversal en igualdade ou a configuración de políticas públicas dende a perspectiva de xénero, considéranse imprescindibles para mudar esta realidade, entendendo que unha sociedade avanzada, non debe permitir que a violencia de xénero se consolide como un dos seus indicadores sociais.

Son consciente do complicado que resulta intervir nestes casos, e por iso, loitar contra este tipo de violencia comeza polo simple feito de que a cidadanía non a siga consentindo co seu silencio.

Despido esta humilde reflexión cunha frase acuñada por Molière, que sen dúbida e por desgraza segue estando de actualidade: "Nunca se entra, por la violencia, dentro de un corazón."
Sonia Fernández Patiño
Sonia Fernández Patiño
Licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola USC. Traballou como técnica en igualdade e servizos sociais en UXT e prestou apoio técnico en diversas comisións do Parlamento Galego. Actualmente consultura no sector privado.