Galixfera.com o portal galego de información e servicios

Corcoesto: oro, arsénico e corrupción política.

Etiquetado en : Política , Corrupción , Movementos sociais , Ecoloxía , Minería
Publicado: 30-07-2013
|

En maio de 2012, a compañía canadense Edgewater presentou a exposición pública o seu proxecto mineiro para Corcoesto. Corcoesto é unha pequena localidade do concello de Cabana, en Galiza. O proxecto pretende extraer 34 toneladas de ouro durante un período de 8 anos, utilizando para iso o método de lixiviación da rocha con cianuro.

A presenza de ouro na zona de Corcoesto é coñecida dende antigo: xa foi explotado polos romanos no seu tempo, e máis adiante, a principios do século XX, por unha compañía inglesa. Pero a pouca concentración que actualmente hai de ouro na rocha dificultaba a súa explotación. O ouro que algún día foi veta visible, encóntrase hoxe en proporcións microscópicas: 1,6 gramos por tonelada de rocha. Para acceder á rocha que contén o ouro habería que remover antes moitas outras toneladas de solo, xerando 6 tm de residuos por cada gramo de ouro obtido. En definitiva: 1 gramo de ouro por cada cerca de 6 toneladas de solo.

Como pode resultar rendible unha explotación cun contido tan baixo en ouro?

Que un proxecto destas características sexa viable, só se explica se se dan certas condicións:

- Aumento do prezo do ouro, que nestes momentos é un valor refuxio.
- Uso de tecnoloxías que permitan unha extracción rápida cun baixo investimento: minaría a ceo aberto e lixiviación con cianuro.
- Conivencia dos poderes locais, que chegan a extremos de facer cambios lexislativos para favorecer ás empresas mineiras. Así, recentemente recolleuse na lexislación galega a figura de “proxecto estratéxico”. Un proxecto que acade esa cualificación obterá vantaxes como exencións fiscais ou redución do período de exposición pública, dificultando dese xeito o
labor de control dos colectivos ecoloxistas.
- Concesión de suculentas subvencións por parte das administracións locais.
- Exención de taxas fiscais, que abarata enormemente os custes das operacións.
- Uso de man de obra barata, propiciada no noso caso pola situación de crise aguda cunha elevada taxa de paro. O proxecto de Corcoesto prevé traballar 24 horas diarias, en quendas de 12 horas.
- Lexislación pouco esixente en materia medioambiental, e/ou poderes públicos que fagan “a vista gorda” cando se incumpre a xa de por si pouco restritiva normativa. A metodoloxía empregada pola empresa para a avaliación do contido de arsénico nos residuos, por exemplo, é unha metodoloxía que xa non se utiliza en Europa, por considerar que minimiza enormemente os resultados. Aquí permitíuselle utilizala, e mesmo se emitiu unha DIA favorable ao proxecto tendo en conta eses datos

No noso país danse todas esas circunstancias. Vivimos nun momento no que o paro acada cotas do 25 % (arredor do 50% na poboación máis nova), cuns gobernos enormemente corruptos e dispostos a malvender o noso territorio ás multinacionais estranxeiras, unha lexislación permisiva e con absoluta ausencia de controis sobre o seu cumprimento...e co prezo do ouro polas nubes, aínda que, afortunadamente para quen nos opoñemos a esta barbarie, baixando nos últimos tempos.

O proxecto mineiro de Corcoesto pode ter graves repercusións ambientais sobre unha zona que está moi próxima a Rede Natura: o río Anllóns, que fai parte de Rede Natura, discorre a só 100 metros da zona de explotación, e os especialistas coinciden en que tanto el como a súa desembocadura, unha ZEPA cunha enorme biodiversidade, se verán afectados.

Non só polo uso previsto de 1'49 toneladas diarias de cianuro para a lixiviación (as hemerotecas están cheas de desastres medioambientais provocados pola rotura de balsas contendo restos cianurados, así como accidentes no seu transporte), senón tamén pola presenza de enormes cantidades de arsénico no solo onde se pretende realizar a explotación.

E é que o ouro de Corcoesto está, como ocorre en moitos sitios, asociado a arsenopirita, así como, en menor cantidade, a metais pesados. O arsénico presente na arsenopirita liberaríase ao medio ao producírense as explosións de enormes dimensións que se prevé realizar (que arrancarían 37.800 m3 de material cada unha). A única medida prevista para evitar a dispersión do po procedente destas explosións (e que conterá, obviamente, arsénico) consiste en instalar pantallas vexetais, de modo que previsiblemente o po, nos días de vento, alcanzará varios km á redonda, afectando, entre outras cousas, os pastos dos que se alimenta o noso gando. Tamén se liberará arsénico durante o procesado da rocha, que require que esta sexa moida moi finamente para poder ser lixiviada. Ao quedar reducida a un po fino, como a fariña, a solubilidade do arsénico presente nese po será unhas 10.000 veces superior á que presenta actualmente, inserido na rocha.Deste xeito, incorporaríase con moita maior facilidade ao medio: ás augas, ao aire e ao solo. Non é necesario recordar a elevada toxicidade do arsénico, así como o seu carácter canceríxeno (tal e como nos recorda a OMS) e teratoxénico.

Varios estudios alertan da presenza de arsénico nas augas de Corcoesto xa na actualidade, e atribúen esta presenza á liberación desa sustancia como consecuencia da antiga explotación mineira, a principios do século XX. Se unha explotación tradicional, de pico e pala, contribuíu a mobilizar o arsénico de tal xeito que aínda hoxe estamos sufrindo as súas consecuencias...ata onde chegará a liberación de arsénico coas técnicas tan agresivas que pensan utilizar agora? Un recente informe, elaborado a petición da Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños por David
Rubinos, e respaldado por autoridades na materia como Rosa Devesa-Rey, Ma Teresa Barral e Francisco Díaz Fierros, alerta das posibles consecuencias para a saúde humana, e indica a necesidade de realizar novos ensaios de lixiviación, máis exactos e rigorosos que os levados a cabo pola empresa, que permitan calcular a cantidade real de arsénico a mobilizar, e valorar os riscos derivados.

Ás repercusións ambientais hai que sumar as económicas. A pesar de que a empresa anuncia o seu proxecto como o salvador da economía local, son cada vez máis as voces que denuncian que será todo o contrario: unha ruína a medio prazo. A vexetación e o solo quedarían danados de xeito pouco menos que irreversible, e moitas pequenas explotacións agrogandeiras, que son a base da economía da comarca, veríanse gravemente afectadas.

Tamén se verían afectadas a pesca, e, moi especialmente, o marisqueo, xa que a desembocadura do río que transportaría o arsénico procedente da explotación é un lugar de gran riqueza marisqueira.

E, obviamente, a paisaxe sufriría cambios drásticos, o que influiría moi negativamente noutro dos sectores económicos da comarca: o turismo. A contaminación de augas e atmosfera faría ademais que as persoas visen constantemente exposta a súa saúde a riscos innecesarios. A poboación de Galiza está moi dispersa, e arredor da zona do proxecto hai varios núcleos de poboación que se verían afectados.
Desde hai algo máis dun ano, diversas asociacións da zona, así como grupos ecoloxistas galegos, estanse mobilizando para informar a toda a poboación dos riscos derivados deste proxecto. Cada vez son máis as voces que se alzan contra el, tanto desde a poboación local como desde o ámbito científico.

Non se pode arriscar o futuro das xeracións vindeiras só para satisfacer a cobiza dunha multinacional sen escrúpulos apoiada en poderes locais que tampouco parecen telos. O ouro non se bebe. Queremos seguir conservando a nosa soberanía alimentar. Queremos deixar en herdanza ás xeracións vindeiras as terras fértiles que herdamos das que nos precederon, e non un deserto aderezado con tóxicos.

Galiza, señor Feijóo, non ten vocación de mina.
Nela Abella
Nela Abella
Corme (Ponteceso) no 1959. Mestra de primaria. Desde hai varios anos é activista da asociación ecoloxista galega Verdegaia, da que é representante na Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, e na rede ContraMINAcción.