Galixfera.com o portal galego de información e servicios

Algo se move no feminismo

Etiquetado en : Feminismo , Movementos sociais
Publicado: 26-07-2013
|

Durante décadas, o feminismo español aqueixouse dunha enfermidade grave e de difícil diagnóstico: a fragmentación. O resto de Europa mirábanos expectantes desde a nosa aterraxe na democracia e quedaron contrariados co resultado. As diferenzas entre as correntes volvéronse abismos e as semellanzas tornáronse pouco máis que po. Diferenzas teóricas sobre o xénero e os roles; sobre a incorporación ó circuíto dos partidos políticos; sobre os cambios en lexislación; incluso, sobre a realidade de mulleres diferente á común. A falta de colaboración fixo imposible que os seus actos e reivindicacións tivesen a forza necesaria para chegar a toda a poboación. Semellaba un mal endémico. O máis similar a un cancro terminal. E a única solución pasaba (e pasa) por mostrarlle ó mundo que outra sociedade é posible.

Esa sociedade que se conforma con que os dereitos da metade da poboación estean recollidos nun papel. Que non deixa de ser un papel, por moito que leve na cabeceira o nome de lei. Esa sociedade que, ata non hai moitos anos, vía “normal” os malos tratos. “Pegáballe, si, porque viña tódalas noites borracho, desde que o botaron do traballo.” Esa sociedade que consenten que pervivan trabas laborais ás mulleres. O teito de cristal e o veto de xénero en certas profesións seguen vixentes. Esa mesma sociedade que, cada vez que os grupos feministas reivindican unha pequena parcela de dereitos, confunde feminismo co contrario de machismo. Persegui-la igualdade entre homes e mulleres non é delito, ou si?

Un só detonante que nos puxera en marcha, unha soa razón para mirar cara adiante. Cando se deixan nun segundo plano as diferenzas e se traballa conxuntamente sobre as semellanzas, as cousas cambian. Convencemos. Sumamos. Ilusionamos. Iso foi o que ocorreu o pasado 16 de xuño. Milleiros de persoas se achegaron para reivindica-lo dereitos das mulleres a decidi-la súa maternidade. E non foi unha manifestación calquera. A pesares da choiva, xente chegada de toda Galicia reuniuse para reivindicarse. Pancartas, lemas, cancións. Foi unha manifestación aberta á participación de todo o mundo, onde ninguén se sentiu fóra de lugar, nin tapado por unhas siglas.

A manifestación da Plataforma polo Dereito ó Aborto foi froito do traballo de máis de 50 asociacións galegas. Moi diversos puntos de vista e un obxectivo común: evitar a derogación ou modificación da Lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo. Non nos conformaremos cunha paralización da reforma. A nosa loita non rematou aínda. Será esta a pedra que precisamos para unificar esforzos? Seremos quen de seguir xunt@s noutros campos?
Vanesa Noya Quintela
Vanesa Noya Quintela
Santiago de Compostela Compostela 1987. Licenciada en Ciencias Políticas e da Administración, pola USC. Voluntaria na Asociación Mixta Teenses pola Igualdade. Co-autora do estudo “Mulleres e participación local. Analise das eleccións 2007-2011”.