Galixfera.com o portal galego de información e servicios

Recuperar a política, recuperar a democracia

Etiquetado en : Política , Corrupción
Publicado: 26-07-2013
|

Estamos asistindo abraiados aos avatares mediáticos do “caso Bárcenas”, despois da tan traída, e supostamente relacionada, “trama Gürtel”, das fotos do presidente Feijóo cun narcotraficante recoñecido, do “caso Nóos”,… Todos eles son episodios que, e loxicamente, elevan a indignación social até cotas nunca coñecidas.

Estes, e outros, graves escándalos de corrupción son repenicados interesadamente co propósito de identificar política con corrupción, cando deberan ser obxecto de condena política, social e penal con nomes apelidos. Desta maneira xérase unha concepción fundamentada nun relato coidadosamente elaborado que parte da consideración da mala xestión dos recursos públicos e da corrupción política como a causa da actual crise económica. Un relato que pretende establecer un paralelismo “irrefutábel” da política coa corrupción. Constrúese deste xeito unha identificación que non é gratuita, pois, e recorrendo ao simplón comodín “todos son iguais”, pretende, por unha banda, ocultar as verdadeiras causas da crise e salvar aos seus responsábeis e, por outra, alimentar o descrédito dos partidos, co propósito de camuflar as alternativas, de ocultar e condenar o pluralismo político e ideolóxico existente e, en definitiva, de atacar a democracia.

A corrupción é un problema político e non só ético, que destrúe a democracia e que ten o seu caldo de cultivo nun modelo socioeconómico voraz e, particularmente, no proceso de privatización dos servizos públicos impulsados polos ben adestrados defensores das políticas neoliberais, polo pensamento único que se inocula de maneira interesada por doquier como contrapunto a un suposto “caos” ou “desorde”. Todo isto convértese nun medio para un fin: poñer no mercado os servizos públicos, desmantelar as administración públicas e destruír os dereitos sociais e civís conquistados pola maioría social.
En definitiva, é imprescindíbel ter moi en conta que é o que causou esta fonda crise económica e social, para ter claro que a única vía posíbel é a recuperación da política en toda a súa plenitude, acorralando o pensamento único e o relato que o alimenta, para desterrar a corrupción, e impoñerlle límites a un sistema que porta as condicións para reproducila e extendela; pois só así se poderá falar con propiedade de democracia, e a substancia da democracia é sempre responsabilidade social e transparencia, é dicir, política con maiúsculas.
Manuel Anxo Fernández Baz
Manuel Anxo Fernández Baz
Ribeira, 1975. Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela na que tamén realizou os cursos de doutoramento. É autor de diversas publicacións sobre o nacionalismo galego entre as que destaca o libro A formación do nacionalismo galego contemporáneo (1963-1984).