Galixfera.com o portal galego de información e servicios

E se a crisis española fora permanente?

Etiquetado en : Política , Economía
Publicado: 26-07-2013
|

Hai pouco tiven a ocasión de preguntarlle a un periodista especializado en economía si se lle ocurría algún antecedente histórico dun país equiparable ó noso, nunha situación económica asimilable á nosa. A pregunta era retórica, desas para as que un xa coñece a resposta, que neste caso era que non, aínda que él se esforzou por buscar paralelismos con outros países ata desistires.

España, como país desenvolvido en declive, é hoxe un dos bancos de probas económicas do noso tempo e en España conflúen hoxe casi todos os males económicos simultáneamente e de forma intensa: 27% de paro (a tasa máis alta da OCDE, que ten a media no 8%), un endebedamento total (público + privado) superior o 400% do PIB, un déficit público (financiado con endebedamento) que se resiste a baixar do 7% despois de recortar todo o que este goberno considerou recortable, unha morea de entidades financieiras zombies que non dan crédito e máis de 220.000 empresas de todos os tamaños desaparecidas dende que comezou a crise.

A situación colleu co pe cambiado á nosa inefable clase política, acostumbrada a xestionar (mal) a abundancia pasada e á que estas cousas tan complicadas da economía soanlle a chinés. O goberno de ZP pasou un par de anos falando de brotes verdes, con convicción e intensidade progresivamente decrecentes, e o de Rajoy comeza tamén a atisbar os seus propios brotes (supoñemos que azuis). O problema é que non existe unha base racional para afirmar que vaia a existir unha recuperación real nin este ano nin o que ven nin en algún momento previsible do futuro.

A doble crise española, financieira e inmobiliaria, enmascara un problema de falta estructural de competitividade da nosa economía que se viu reflectido durante anos na nosa balanza de pagos, con grandes déficits anuales que foron compensándose a base de endebedamento e entradas de capital foráneo. Simplificadamente, gastabamos (como economía) moito máis do que ingresabamos, e por iso nos endebedamos durante lustros. E iso débese a que a actividade económica estaba centrada excesivamente na construcción en detrimento de outros bens e servicios e que os restantes bens e servicios que producíamos ( sobre todo en sectores de baixo valor engadido) non eran competitivos fronte o exterior. Ista situación de falta de competitividade, que foi compensada a base de endebedamento durante lustros ata acabares estourando, mantense sustancialmente porque é enormemente complicado que un país sen soberanía monetaria, que non pode devaluar a súa moneda, recupere a competitividade recurrindo, como se intenta, á chamada “devaluación interna”, que consiste en reducir salarios, gasto público, etc. O malo é que non hai alternativas sen sair do euro, e que a saída do euro sería traumática e traería problemas novos e diferentes.

Nesas estamos, cun Goberno intervido por Europa que merca tempo a base de seguir emitindo débeda pública, na esperanza de que o tempo arranxe so o problema coma sempre sucedeu no pasado. O que pasa é que esta non é unha crise como as do pasado e a capacidade de endebedamento non da máis de sí. Hai anos que debería terse recoñecido esta situación e posto en marcha remedios acordes coa intensidade dos problemas pero se optou pola vía quixotesca que consiste en evadirse da realidade. Afrontala, en troques, requeriría reformar radicalmente o entramado institucional vixente, incluindo os partidos políticos, atacar decididamente a intensa corrupción, ser conscentes de que ahí fora se está a librar unha terceira guerra mundial económica que estamos perdendo estrepitosamente e asumir que sair desta situación requerirá un enorme esforzo colectivo ó que deben contribuir máis os que máis teñen e moito máis os que teñen moito máis, xustamente ó revés do que sucedeu ata o momento.
Pablo Arangüena
Pablo Arangüena
Licenciado en Dereito pola Univ. Coruña e MBA polo Instituto de Empresa. Técnico de comercio exterior na Oficina Comercial da Embaixada de España en México cunha bolsa da Cámara de Comercio da Coruña, Responsable internacional de Sociedade Téxtil Lonia. Avogado durante os últimos 9 anos.