Galixfera.com o portal galego de información e servicios

A UTILIDADE (PÚBLICA?) DO OURO

Etiquetado en : Política , Ecoloxía , Minería
Publicado: 25-11-2013
|

Ouro. A estas alturas creo que toda a poboación de Galiza coñece o proxecto mineiro de Corcoesto. Pero Corcoesto non é a única localidade galega que ve o seu territorio ameazado pola cobiza do ouro. A mesma empresa que ten os ollos postos sobre Corcoesto, fala na súa páxina web do “Proxecto aurífero Malpica-Tui”, e por se iso fose pouco, están ademais os permisos solicitados noutros sitios como A Fonsagrada ou Tomiño.

Tanto desde as empresas que pretenden levar adiante este tipo de explotacións como desde a propia Administración, fálase da importancia destes proxectos pola súa “utilidade pública”.

Pero...ten realmente o ouro que se quere extraer no noso país esa utilidade pública? É a súa obtención clave para o noso desenvolvemento?
Desde os sectores favorables a ese tipo de minaría alégase que o ouro é un metal imprescindible para a nosa industria tecnolóxica: ou ouro emprégase na fabricación tanto de elementos de uso cotiá (teléfonos móbiles, televisores, ordenadores), como doutros elementos tecnolóxicos (telescopios, industria aeroespacial, satélites...).

Para facernos unha idea de como é o ouro de estratéxico, podemos ver os usos do ouro extraído a nivel mundial. Segundo o World Gold Council, no ano 2011 o ouro dispoñible no mundo empregouse para os seguintes usos:

• Xoiería: 48,26%
• Lingotes e moedas: 40,35%
• Usos tecnolóxicos: 11,39%

Como vemos, só unha pequena porcentaxe do ouro extraído vai parar a usos tecnolóxicos, sendo o seu principal destino a especulación. É a especulación unha utilidade pública? Ademais, se o ouro que permanece actualmente “durmindo” nas caixas fortes dos bancos de todo o mundo (unhas 30.000 toneladas) se empregase para usos tecnolóxicos (a demanda é dunhas 300 toneladas anuais), teríamos ouro abondo para os vindeiros 100 anos. Iso sen ter en conta o seu potencial de reciclado: o ouro é perfectamente recuperable, e ten unha eficiencia de reciclado dun 99%.

Claro que, diredes vós, ese ouro que está nos bancos ten dono. Pois si. Pero tamén teñen dono as terras que queren expropiar para extraer o ouro que, en cantidades microscópicas, está baixo elas. Teñen dono as casas que están situadas arredor, e cuxos habitantes se verían abocados a abandonalas e buscar outro lugar onde vivir, ou condenados a vivir nun sitio insalubre. Teñen dono as explotacións agrícolas e gandeiras que se verían gravemente afectadas por esa minaría.

Por que, logo, se poden expropiar as propiedades de moitas persoas, ferir a terra para extraer o ouro que hai baixo ela, ferir as sociedades nas que se encontran eses territorios, provocando nelas fendas tanto ou máis graves que as feridas ambientais, para obter un ouro que é “de utilidade pública”; e sen embargo non se pode expropiar o ouro dos bancos aos seus donos?

Por que, se nos dous casos estamos falando de propiedade privada, se dá desde a nosa Administración máis importancia a unha propiedade que a outra? Por que habería de parecernos máis lóxico que se expropie a terra dunha persoa que que se expropie o ouro (xa “limpo”, sen riscos para o ambiente nin a saúde humana) que outra ten no banco?
Nela Abella
Nela Abella
Corme (Ponteceso) no 1959. Mestra de primaria. Desde hai varios anos é activista da asociación ecoloxista galega Verdegaia, da que é representante na Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, e na rede ContraMINAcción.