Galixfera.com o portal galego de información e servicios

OS SEMÁFOROS INTELIXENTES

Etiquetado en : Tecnoloxía
Publicado: 01-11-2013
|

Cantas veces nos temos parado diante dun semáforo en vermello sendo nós o único coche da estrada? E se, ademais de ser os únicos, tampouco hai peóns a quen concederlle o paso? Non pensou nunca, canto estaba co coche nun atasco en hora punta, que os semáforos unicamente entorpecían o tráfico fluído? Mesmo sendo un simple peón, non pensou que eses semáforos que lle dan pouco ou moito tempo para cruzar teñen un funcionamento estraño? Se está nun cruce onde o tráfico está regulado por rotonda, non cre que para os vehículos hai unha clara falta de visibilidade e un convite a maiores velocidades, co que tamén se aumenta a súa inseguridade? E sendo peón nesa mesma rotonda, non sentiu medo ao ir cruzar polo medio dun tráfico perigoso e imprevisible a altas velocidades?

O tráfico resulta unha área apestada porque, polo xeral, crea máis problemas dos que resolve… ata o de agora. Antes o sistema semafórico ríxido, pautado e programado en períodos de tempo, moderaba os principais problemas. Pero co avance da industrialización aumentaron os vehículos, os tipos de uso, as frecuencias horarias nas que había atascos, etc. Nestas chegaron as rotondas, vistas polos decisores políticos como o mecanismo para conseguir un tráfico máis fluído e que, ademais, derivaba a responsabilidade do regulador (de quen controla o sistema semafórico) ao actor (a quen conduce o vehículo). Pero as rotondas tiñan tamén unha consecuencia negativa: aumentaban o risco de accidente polo aumento da velocidade e, sobre todo, aumentaba o perigo para o paso dos peóns. Como solucionalo? Cada vez máis se estende o límite de 30 Km/h para vehículos en cidade. Deste xeito, a base de acumular improvisacións, a mellora do tráfico apenas resulta perceptible... e en horas punta mesmo pode ser inapreciable. Esforzo, tempo e diñeiro investido a moreas para nada.

Sen embargo, a regulación do tráfico pode cambiar se aplicamos o coñecemento, a información e a tecnoloxía con intelixencia e responsabilidade. Dende a análise do comportamento de condutores e peóns, aos circuítos máis frecuentes de circulación, pasando polas horas e as intensidades do tráfico… temos inxentes cantidades de datos a partir dos que definir perfís de usos, de necesidades e de actitudes. Deste xeito é como se poden redefinir as vías, crear espazos novos para o aparcamento ou a carga/descarga ou o paso de persoas, mellorar os accesos a puntos críticos de demanda de paso, etcétera. Disciplinas como a socioloxía, a psicoloxía social, ou a ciencia política axudan a tomar mellores decisións na xestión dun área tan problemática.

A tecnoloxía e a intelixencia artificial teñen unha importante contribución, pendente de estender aínda en Galicia, consubstancial á idea dunha Smart City. Para comprender o seu alcance temos que comezar a mirar aos semáforos con novos ollos. Xa non só como unha simple luz para sinalar o paso, senón tamén como un pivote con sensores a partir do que obter información inmediata sobre: intensidade do tráfico, frecuencia de paso dos peóns, ou número de vehículos e necesidades máis probables, entre outras. Datos todos eles cos que o sistema, buscando a fluidez do conxunto, pode tomar a mellor decisión para abrir e pechar o paso a vehículos e peóns de forma dinámica; sen a escravitude dunha frecuencia igual independentemente da hora e da situación.

A principal vantaxe dos chamados semáforos intelixentes é que permiten unha regulación do tráfico adaptable a cada circunstancia e a cada momento. Non é a única. Outra é que nos permite considerar o tráfico dunha cidade como un sistema, observando en conxunto cómo funciona o tráfico en puntos distantes pero relacionados entre si conseguimos que, a partir dunha pequena modificación nun punto, mellore o funcionamento de todo o sistema de tráfico.

Ademais de para regular mellor no tempo inmediato, os datos observados por estes sistemas dan información para un mellor planeamento do tráfico. Imaxine que nun barrio un edificio abandonado se restaura e pasa a ser unha nave comercial. Unha zona de tráfico moderado aumenta, de repente, a súa afluencia de tráfico. Os datos achegados polos semáforos intelixentes non só nos permiten observar e localizar este cambio, senón que tamén nos indican os axustes necesarios no sistema para absorbelo tanto en termos de tráfico (tempos dos semáforos) como de espazos para o tráfico (novas áreas de aparcamento, de carga/descarga ou outros espazos).

Deste xeito, o sistema semafórico intelixente permite adaptar o sistema de tráfico ás dinámicas de uso e aos cambios que se poden producir ao longo do tempo neses usos. Por desgraza, aínda que a concepción do tráfico como sistema ten moito tempo, a disposición da tecnoloxía para tratalo como un sistema é relativamente recente e, como adoita pasar en Galicia, a súa incorporación á vida real das cidades galegas chega con notable retraso. Con todo, sabemos que contamos cos medios e a oportunidade para facer da Smart City un concepto xeneralizado e estendido a moitas vilas do país.
Francisco Martínez Hidalgo
Francisco Martínez Hidalgo
Francisco Martínez Hidalgo (Santiago de Compostela, 1977) exerce, cando lle deixan, de consultor público e político. Colaborador habitual de medios de comunicación, escribe tamén en Mundiario, Fantasymundo ou Fabulantes; nestes dous últimos desenvolvendo a súa afección á lectura. Seareiro tenaz dá SD Compostela.