Galixfera.com o portal galego de información e servicios

Politólog@s

Etiquetado en : Política
Publicado: 15-10-2013
|

Tódolos domingos, reunímonos tres amigas a tomar un café (ou o que se preste) e as nosas conversas tenden a derivar cara moitos lados. Entre outros, a nosa carreira profesional. Coñecémonos na facultade de Ciencias Políticas en Santiago de Compostela e, desde entón, mantemos o costume de reelaborar hipoteticamente o mundo. Novos sistemas políticos, novas administración públicas, novos servizos públicos.
Pois, estas tres soñadoras preguntáronse (e pregúntanse) como, con tantas ideas na cabeza e sendo tan polivalentes, continúan paradas. Ah, claro, que non saben moi ben a que se adica unha politóloga (as miñas desculpas a quen xa o saiba). Quen se licencia ou gradúa en Ciencias Políticas, ten adquirido coñecementos en sistema político a distintos niveis, Administración Pública, organización interna, marketing político, recursos humanos, relación internacionais e un longo etcétera. Creo que se poden facer unha imaxe aproximada de todo o que podemos desempeñar.
Por casualidades da vida, unhas das miñas amigas coñeceu a unha muller polaca, que montaba lámpadas de ámbar. E falando con ela, descubriu que a súa filla tamén era politóloga. E que traballa nunha multinacional farmacéutica, como asesora. Non lles vou transcribir o salario: resultaríalles obsceno.
A consideración dos politólogos no norte de Europa, en Estados Unidos e en América Latina é completamente distinta. En realidade, case podería asegurarlles que é distinta en calquera sitio fóra das fronteiras deste Estado. Para a muller polaca que lle acabo de presentar, a súa filla ten un prestixio social comparable aos dos médicos en España. Para ela, a súa labor é esencial para a sociedade: son os gardiáns do bo funcionamento político do seu país. Pero vai máis alá, as e os politólogos son profesionais cotizados polas grandes empresas. Unha carreira difícil de estudar, que só os mellores rematan. Persoas cunha visión global do mundo no que viven.
Supoño que estarán a pensar de que se queixan estas politólogas de cafés de domingo. Pois de falta de recoñecemento. Non social, senón de simple recoñecemento. A que lles escribe, encontrouse nalgunha ocasión fronte a persoal de recursos humanos ou orientadores laborais que descoñecían as nosas competencias. Inclusive, que me desen algún consello totalmente desencamiñado, máis propio dun inimigo que dun asesor. Ou con xente que nos confunde con podólogos, creadores de politonos para os móbiles ou cousas similares.
Algo falla nesta sociedade cando só os demais ven o noso potencial. E isto, por desgraza, non só ocorre para a nosa profesión. Moitos mozos e mozas séntense igual respecto aos seus estudos e a crise non axuda. Será facer a maleta a única saída?
Se ti tamén pasaches por algo similar e queres compartir a túa experiencia, envía un correo electrónico a candepalleiro@live.com . Gustaríanos saber que non estamos soas.
Vanesa Noya Quintela
Vanesa Noya Quintela
Santiago de Compostela Compostela 1987. Licenciada en Ciencias Políticas e da Administración, pola USC. Voluntaria na Asociación Mixta Teenses pola Igualdade. Co-autora do estudo “Mulleres e participación local. Analise das eleccións 2007-2011”.