Galixfera.com o portal galego de información e servicios

Díaz (EU) ve 'intolerable' que os imputados sigan nos seus postos e pide ao Goberno 'remover a corrupción'

Fuente: Europa Press | Publicado: 01-02-2014
Derechos: Europa Press
A coordinadora de Esquerda Unida e vicevoceiro de AGE, Yolanda Díaz, afirmou que "non é tolerable que permanezan nos seus postos" os máis de 100 imputados na Operación Pokémon, polo que os instou a "poñer os seus postos a disposición inmediatamente".

En rolda de prensa, Díaz reclamou o Goberno galego "tomarse esta cuestión en serio para remover as prácticas corruptas". Ademais, reiterou a súa petición dun cambio na "normativa" pois, ao seu xuízo, no Estado español o sistema é "laxo" con aqueles delitos relacionados coa corrupción.

Para Yolanda Díaz, aspectos que se coñeceron tras o levantamento parcial do segredo de sumario da operación, como o regalo de Rolex, son "abominables". "Afloran datos gravísimos", denunciou.

Aínda que puxo por diante o respecto "absoluto" á presunción de inocencia, a coordinadora de EU esixiu a "posta a disposición deses cargos" e a súa "remoción", de modo que se posibilite "a incorporación da rexeneración democrática" nos concellos galegos. Con este proceso, opinou, podería darse "certa confianza" aos veciños.

"DISFUNCIÓN" DO SISTEMA PUNITIVO

Díaz foi "un paso máis" alá para criticar o sistema punitivo, no que contempla unha "disfunción" de penas. Así, ao extesoureiro do PP, Luis Bárcenas, poderían caerlle "seis anos de condena", cando, a "quen rouba porque ten fame, ata nove,", exemplificou.

A este respecto, demandou da Administración medidas que impulsen a formación de funcionarios e facer "pedagoxía".

"Non é lexítimo o que está a pasar", incidiu, antes de sinalar á deputada popular María Faraldo, procesada, para preguntarse "cando hai que dimitir".
Galixfera s.l. - Versión para imprimir. - Licencia