Galixfera.com o portal galego de información e servicios

Besteiro, sobre Orozco: 'Eu avalo a actuación de todos os dirixentes do PSOE'

Fuente: Europa Press | Publicado: 01-02-2014
Derechos: Europa Press
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, apelou "á presunción de inocencia" de todos os implicados na Operación Pokémon despois de que se levantara parcialmente o segredo de sumario, no que se inclúe un informe do mes de setembro de 2011 que sinala o alcalde socialista de Lugo, José Clemente López Orozco, imputado, como receptor de diñeiro do Grupo Vendex a cambio de favores.

Preguntado de forma directa pola prensa sobre se avala a actuación do alcalde de Lugo, Besteiro respondeu: "Como saben vostedes, eu avalo a actuación de todos os dirixentes do Partido Socialista, estamos a falar non dunha cuestión dun respaldo, senón dunha actuación xudicial, e ante esa actuación xudicial eu contesto que presunción de inocencia, que é un dereito fundamental".

Deste modo, Besteiro chamou a "non facer xuízos paralelos". "E a partir de aí, quitarán e daranse razóns, polo tanto, tempo ao tempo," agregou.

"Eu non vou facer ningunha valoración en clave persoal, nesta cuestión hai moitas persoas que están nese asunto, de todos os partidos políticos, tamén do Partido Popular", remarcou, "como acontece no caso de Santiago, por exemplo".

"Creo que se sabe a miña posición, non de onte, nin de hoxe, senón de sempre, o que temos que afrontar neste tipo de procesos que é respectar a presunción de inocencia, que son os dereitos que se dan a todos os cidadáns, por certo, tamén aos políticos,", proseguiu na súa argumentación Gómez Besteiro.

PIDE XUSTIZA "RÁPIDA"

Así as cousas, pediu "unha Xustiza rápida, transparente, absolutamente obxectiva, sobre todo rápida", así como "obxectiva", pois "a impresión dos cidadáns é que canto máis rápida é, máis xusta é" e "a partir de aí, respectar a presunción de inocencia, que é o dereito que nos ampara a todos os españois".

Ao respecto, incidiu en varias ocasións en que cre "na presunción de inocencia", "con independencia da afiliación política", e espera que "todo se esclareza".

Nesta liña, remarcou que "impartir Xustiza non se basea en presuncións, senón en certezas, en probas, en demostracións,", ao tempo que sinalou que "algunhas desa noticias xa se trasladaron mesmo antes da apertura do sumario". Por iso, mostrou a disposición de "colaboración coa Xustiza, que a todo o mundo lle corresponde, sexa político ou non".
Galixfera s.l. - Versión para imprimir. - Licencia