Galixfera.com o portal galego de información e servicios

Concello de Vigo tramita realoxar unha veciña sen recursos e as súas fillas que deben deixar o piso por non pagamento

Fuente: Europa Press | Publicado: 31-01-2014
Derechos: Europa Press
A Xerencia de Urbanismo do Concello de Vigo deu luz verde este venres á tramitación dun expediente de realoxar dunha veciña da cidade, Analía Melón, que non ten recursos económicos e que debe abandonar o seu piso da rúa Pizarro, xunto coas súas dúas fillas menores de idade, por non pagamento do aluguer.

Segundo informou en rolda de prensa o alcalde, Abel Caballero, tras a cumprimentación dos trámites administrativos, esta muller de 41 anos de idade e divorciada, que a finais de decembro facía unha petición pública de axuda (con apoio da Plataforma de Afectados polas Hipotecas), poderá trasladarse ao seu novo fogar, un piso de propiedade municipal na rúa Anduriña, nun prazo de "poucas semanas".

Por outra banda, na Xerencia de Urbanismo tamén se acordou o levantamento da suspensión da escritura pública en dúas parcelas de Vila Laura e Praza Elíptica. Estes terreos municipais foran subhastados para a construción de vivendas (parte delas protexidas) pero as adxudicatarias renunciaron a seguir o proceso, segundo o alcalde, porque non podían acceder ás axudas públicas do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

Esas axudas publicáronse o pasado mes de maio, polo que polo que o goberno local entende que xa non hai motivo para a suspensión das escrituras públicas das parcelas, e insta as adxudicatarias a realizar ese procedemento nun prazo de 15 días.

A parcela de Villa Laura fora adxudicada por 185.000 euros, e nela proxéctanse 8 vivendas protexidas; mentres que a parcela de Praza Elíptica foi adxudicada por un millón de euros, e nela construiranse 36 pisos protexidos.
Galixfera s.l. - Versión para imprimir. - Licencia