Galixfera.com o portal galego de información e servicios

Vence (BNG) esixe a dimisión da conselleira de Sanidade e pide explicacións a Feijóo

Fuente: Europa Press | Publicado: 30-01-2014
Derechos: Europa Press
O voceiro nacional do Bloque Nacionalista Galego, Xavier Vence, esixiu que a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, "asuma a súa responsabilidade" e dimita, despois do fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anula a adxudicación dunha xefatura de servizo ao seu marido, á que accedeu cando ela era entón xerente do Sergas.

Así o trasladou este xoves en declaracións aos medios, tras a reunión que mantivo o Bloque con representantes da plataforma SOS Sanidade Pública en Vigo. "Debe dimitir porque está claro e contrastado que houbo desvío de poder nesa promoción do seu marido", trasladou Vence.

Así mesmo, engadiu que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, debe explicar tamén "como está a facer a xestión da sanidade pública para facer promoción dos seus de forma irregular".

Neste sentido, o voceiro nacionalista indicou que, con esta sentenza xudicial, "se demostra a forma de funcionar do Partido Popular" nos servizos públicos", e que "o PP usa o poder para promover os seus comisarios políticos dentro da sanidade pública, porque son os que lle permiten dende dentro ir minando a calidade da sanidade", concluíu.

Estas declaracións súmanse ás da voceiro en materia sanitaria do Bloque, Montse Prado, que o pasado mércores manifestara a Europa Press que un profesional "pode ser bo á marxe das relacións afectivas ou persoais que teña", polo que o BNG "non pon en cuestión a capacidade dos profesionais", senón o sistema de nomeamento, para o que pide uns criterios "obxectivos".

En relación a iso, indicou que "se os criterios non son obxectivos, permiten que non sempre sexan designadas as mellores persoas, senón coas que se ten máis afinidade política".
Galixfera s.l. - Versión para imprimir. - Licencia