Galixfera.com o portal galego de información e servicios

A Xunta alerta dun temporal de vento que afectará á zona da Mariña, con refachos que poden superar os 100 km/h

Fuente: Europa Press | Publicado: 28-01-2014
Derechos: Europa Press
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia alerta dun temporal de vento en terra que afectará este martes á zona da Mariña de Lugo.

Segundo indica a Vicepresidencia da Xunta, os refachos máximos empezarán a partir da mañá deste martes e está previsto que superen os 100 quilómetros por hora.

Así mesmo, este martes continúa activa a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego, xa decretado o luns. Segundo os datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a costa das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra estará baixo os efectos dun fenómeno de mar combinado con ondas que poderán alcanzar os seis metros de altura.

Por este motivo, co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias a Interior, a través do 112, informou da situación os concellos das tres provincias afectadas; as deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubes náuticos, entre outros.

Dadas as condicións meteorolóxicas adversas, a Xunta fai un chamamento á poboación para que extremen as precaucións e eviten achegarse a diques e rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos.
Galixfera s.l. - Versión para imprimir. - Licencia