Galixfera.com o portal galego de información e servicios

Laura Castañón articula en 'Deixar as cousas nos seus días' unha novela de 'sufrimento e busca' da memoria histórica

Fuente: Europa Press | Publicado: 23-01-2014
Derechos: Europa Press
A "innegociable" memoria histórica colectiva e a "decisión persoal" de recuperar a memoria histórica propia protagonizan a primeira novela da asturiana Laura Castañón, 'Deixar as cousas nos seus días' (Alfaguara), unha historia de "sufrimento e busca" que arranca na Guerra Civil e se une coa actualidade a través do seu protagonista e a súa viaxe ás raíces da súa familia.

"Non creo que sexa arriscado, de feito estou sorprendida coa controversia que xera a memoria histórica, ao final son cousas moi sinxelas e moi elementais que afectan ás persoas", así expresa a propia Laura Castañón a súa opinión sobre a expectación xerada en relación á memoria histórica, que narra no seu libro a partir de historias particulares.

Nunha entrevista concedida a Europa Press ante a presentación do seu libro en Santiago de Compostela a autora definiu o contido de 'Deixar as cousas nos seus días' como "a historia dunhas persoas, unha historia de sufrimento e de busca que vai máis alá de calquera reivindicación".

De feito, o título preséntase "non como unha afirmación, senón como unha dúbida", que formula ao lector os custos e beneficios de recuperar a propia memoria histórica e "prima sobre todo as emocións".

Sobre a memoria histórica, recoñece a autora, "gravita" a "dúbida" da recuperación. Para Laura Castañón, colectivamente esta recuperación é "imprescindible", aínda que no caso individual depende dos custos e beneficios de cada un. "Forma parte da saúde mental recuperar a memoria histórica colectiva. As buscas individuais son decisións persoais", sentenciou.

AMBIENTADO EN ASTURIAS

A historia ambiéntase na cunca mineira do Aller, unha zona que coñece ben a autora, dado que naceu e residiu moitos anos nesta.

Aínda que é un "elemento literario", a ambientación da novela na súa bisbarra natal ofreceulle a "satisfacción" do proceso de documentación, co que coñeceu máis datos sobre o seu lugar de orixe, aínda que "logo só saia a punta do iceberg". "Isto é o que fai que a novela sexa máis crible", recoñece Castañón, quen admite que, entre os seus veciños apuntan similitudes entre os seus personaxes e a historia real da zona.
Galixfera s.l. - Versión para imprimir. - Licencia