Galixfera.com el portal gallego de información y servicios

El Sueño de una Smart City

Etiquetado en : Tecnología
Publicado: 26-07-2013
|

As etiquetas son palabras colgantes que penduramos enriba dos pensamentos para marcalos: cunha imaxe mental, cun significante lingüístico e cun significado concreto. Pero se ese pensamento permanece demasiado tempo no imaxinario sen concretar, sendo non máis ca a benintencionada aspiración a unha realidade nunca concretada de forma manifesta, a etiqueta acaba deteriorándose ata mesmo chegar a desaparecer de todo.

Pois ben, agora mesmo estamos no punto decisivo onde veremos se a etiqueta “smart city” (prefíroa ao horrible equivalente románico de “cidade intelixente”) é quen ben de concretarse ou ben de deformarse ata a súa desaparición.

Para quen aínda non a sentiu, con “smart city” preténdese reflectir o deseño e construción dun espazo urbano onde as tecnoloxías da comunicación permitan unha maior integración de todos os anhelos dun cidadán: espazos públicos abertos para o compartir e o crear, onde a limpeza comeza na xestión dos residuos pero tamén na produción de enerxía ou na xeneralización das renovables, con servizos sociais de calidade orientados a necesidades e demandas públicas… Un concepto de socioloxía urbana que abrangue infraestruturas, servizos públicos, autoridades de goberno ou colectivos cívicos, entre otros.

O principal problema, máis cá súa viabilidade (pois é perfectamente viable), está en que o seu desenvolvemento depende en grande medida da existencia dunha Visión compartida por todos/as os/as implicados/as e que, lonxe de ser sinxela de transmitir, é bastante complexa de visualizar e explicar –son moitos os factores relacionados que configuran unha Smart City.

Tanto é así que, mesmo conseguindo sentar o concepto como base para o traballo nunha cidade calquera, despois resulta bastante complicado desenvolver proxectos asociados a unha Smart City. O seu deseño e construción resulta viable unicamente dende unha concepción integral, e a tendencia da política a fragmentar a idea en proxectos diferenciados de venda encapsulable dificultan a construción desa Visión xeneral.

Este primeiro artigo quere ser unha presentación do reto de converter este espazo nunha presentación de ideas arredor do concepto de “Smart City” que, co paso do tempo, vaia crecendo ata servir de repositorio de ideas, de tendencias sociais, de alternativas tecnolóxicas ou de proxectos cívicos asociados directamente con este concepto ou etiqueta.

Aberto está tamén o meu espazo electrónico nas redes sociais para que me fagades chegar cantas ideas exploratorias arredor disto queirades que consideremos aquí. O tempo é tan dinámico como a realidade e, entre todos, poderemos facer deste espazo un reflexo dese dinamismo aplicado a unha vida e un benestar mellor para todos/as.

Grazas a Galixfera pola oportunidade de traer aquí este modesto proxecto persoal.
Francisco Martínez Hidalgo
Francisco Martínez Hidalgo
Francisco Martínez Hidalgo (Santiago de Compostela, 1977) exerce, cando lle deixan, de consultor público e político. Colaborador habitual de medios de comunicación, escribe tamén en Mundiario, Fantasymundo ou Fabulantes; nestes dous últimos desenvolvendo a súa afición á lectura. Seareiro tenaz da SD Compostela.