INFORMÁTICA: SERVICIO INTEGRAL
El mayor directorio gallego de empresas y profesionales. Direcciones, teléfonos...
Noticias publicadas:
A Corporación coruñesa aproba unha moción reclamando a "devolución íntegra" dos aforros de preferentistas
Todos os grupos municipais avalan o texto, presentado polo BNG nun pleno con asistencia de afectados
A CORUÑA, 6 (EUROPA PRESS)
A Corporación municipal de A Coruña aprobou, con apoio de todos os grupos --PP, PSOE, BNG e EU-V--, unha moción presentada polos nacionalistas, no pleno celebrado este xoves, no que se reclama "a devolución íntegra" dos aforros de afectados por participacións preferentes e débeda subordinada.
O texto da moción, debatida nun pleno que contou coa asistencia de preferentistas --que dende hai un mes manteñen un encerro na Casa do Concello herculino-- reclamaba que a Corporación coruñesa asumise o texto da proposición aprobada no Parlamento galego en maio deste ano, tamén por unanimidade.
Nela, pídese a reforma da Lei de Reestruturación e Resolución de Entidades de Crédito "para garantir a devolución íntegra do valor nominal das participacións preferentes e outros instrumentos híbridos de capital e débeda subordinada a aforradores e pequenos investidores sen experiencia financeira".
A moción empraza tamén ao Congreso dos Deputados a modificar esta normativa e que o goberno local adopte as medidas oportunas para instar a todas as administracións a levar a cabo unha solución "que debe pasar, necesariamente, pola devolución íntegra do nominal invertido", engade.
CRÍTICAS AO PP
Todos os grupos políticos avalaron a moción, aínda que con críticas dende as filas da oposición. Así, a concelleira do BNG María Xosé Bravo culpou o PP de "legalizar" en 2003, durante o seu goberno, a emisión de preferentes.
Na mesma liña, o concelleiro socialista José Nogueira culpou Negreira e, tamén ao presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, da situación que viven os afectados por preferentes, mentres que o voceiro de EU-V, César Santiso, pediu ao goberno local un local "digno" para os afectados encerrados na Casa do Concello.
RESPOSTA
A estas críticas respondeu o concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, quen recordou que foi el quen definiu aos preferentistas como "estafados" e non como "afectados" nun pleno.
Tamén voltou a culpar os edís socialistas Mar Barcón e Salvador Fernández Moreda pola súa presenza no consello de administración de Caixa Galicia. "Estaban en misa de acólitos e cobraban polo que facían", recalcou.
Trasladan ao hospital a un home que sufriu un corte cunha motoserra nun accidente doméstico en Cesuras (A Coruña)
A CORUÑA, 6 (EUROPA PRESS)
Un home duns 33 anos de idade resultou ferido este xoves nun accidente doméstico rexistrado ao cortarse cunha motoserra no municipio de Cesuras (A Coruña).
O accidente tivo lugar sobre as 11.45 horas no lugar de Moneco, na parroquia de provaos, no municipio de Cesuras, segundo datos facilitados polo 112 a Europa Press.
Ao lugar, segundo indicaron fontes sanitarias, o 061 desprazou unha ambulancia asistencial que trasladou ao ferido, un varón de 33 anos, ao Hospital A Coruña.